Dúas persoas necesitan ser rescatadas en senllos accidentes rexistrados en Laxe e Dozón

1 minutes read
  • Ambos condutores quedaron atrapados en senllos vehículos envorcados.

O primeiro sinistro produciuse na AC-433, en Laxe, pouco despois das dez da mañá deste venres. Segundo explicaron os axentes da Policía Local a través do 112 Galicia, o único ocupante do turismo necesitaba a axuda dos recursos de rescate para saír do coche. Neste sentido, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia solicitaron a intervención dos membros do GES de Ponteceso e dos Bombeiros de Carballo. Finalmente, a persoa foi liberada e atendida polo equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Pouco tempo despois, cando faltaba un cuarto de hora para as once da mañá, unha nova chamada ao 112 Galicia puxo o foco sobre outro accidente, neste caso, un camión que envorcou contra un talude e deixou o condutor atrapado en Dozón. Concretamente, o sinistro produciuse na EP-6104, en Saa, e alí acudiron os Bombeiros do Deza, os membros do GES de Lalín, un equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 a bordo do helicóptero medicalizado con base en Santiago e os axentes da Garda Civil de Tráfico. Despois de que o único ferido fora excarcerado polos efectivos de salvamento, recibiu os primeiros coidados do equipo médico e foi evacuado no helicóptero con varias fracturas.