Dúas persoas resultan feridas ao colidir dous vehículos na N-120 ao seu paso por Pantón


Dúas persoas foron evacuadas polos equipos de emerxencia logo de bater dous turismos na N-120, no punto quilométrico 541, en Pantón.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia tivo constancia do sinistro mediante a chamada da Policía Nacional. Estes comunicaban unha colisión entre dous turismos con varias persoas feridas no lugar de Atán, concretamente na estrada que une as localidades de Ourense e Monforte. Ademais, indicaban a posibilidade de que varios feridos estivesen atrapados en cada un dos vehículos.

De inmediato, os operadores do 112 Galicia informaron aos servizos sanitarios, aos Bombeiros de Monforte e Carballiño e á Garda Civil de Tráfico. Ademais, co fin de asegurar a circulación na estrada, tamén informou ao Centro de Xestión de Tráfico e ao persoal de mantemento da vía.

Unha vez rematada a intervención, os bombeiros confirmaron ao 112 Galicia que non foi preciso excarcerar aos ocupante dos vehículos, pero que si colaboraron cos servizos sanitarios na evacuación dos dous feridos ás ambulancias. Pola súa parte, o persoal sanitario comunicou o traslado dos feridos, un deles ao Hospital Público de Monforte e outro ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.