Dúas persoas sufriron importantes lesións ao envorcar o coche no que viaxaban en Ponteceso

Excarceracion bombeiros_arquivo.

Un accidente cun só vehículo implicado en Ponteceso deixou dúas persoas feridas de gravidade. Segundo a información recollida no 112 Galicia, o sinistro produciuse no lugar da Campara, pouco antes das once da mañá deste venres, tal e como indicou a persoa que chamou ao servizo de emerxencias para pedir asistencia.

No seu relato dos feitos, indicou que o vehículo estaba envorcado no medio da estrada sen que os ocupantes puidesen saír. Foi así como os xestores do 112 Galicia solicitaron a intervención dos Bombeiros de Carballo e dos membros do GES de Ponteceso e do servizo municipal de Protección Civil para rescatar as dúas persoas, unha muller e un home, que necesitaron asistencia médica urxente debido á importancia das súas lesións. De feito, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 optaron pola mobilización do helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela para o traslado dun dos feridos, concretamente da muller, mentres que o home foi evacuado nunha ambulancia.

Neste operativo, tamén interviñeron os axentes da Policía Local e da Garda Civil de Tráfico. Ademais, para restablecer as condicións de seguridade na vía, foi necesaria unha limpeza da que se encargaron os efectivos do GES con base na localidade.  

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha