Un aparatoso accidente con catro coches implicados mobilizou os servizos de emerxencias en Ribeira este sábado. Dúas persoas quedaron feridas.
A colisión produciuse no lugar de Ameixida, en Castiñeiras. Ao parecer un coche, que circulaba en dirección Aguiño, foise da vía e bateu contra os outros turismos que estaban estacionados. Logo bateu contra outro automóbil que circulaba en dirección Ribeira.
Este último coche envorcou e as dúas persoas que viaxaban nel quedaron feridas e foron trasladadas ao hospital da Barbanza.
De inmediato, desde o CIAE-112 Galicia facilitáronselle os datos aos Bombeiros dos parques de Ribeira e de Boiro, ao persoal sanitario, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local e ao persoal de mantemento da vía.