Ata o lugar desprazouse un helicóptero medicalizado pero, finalmente, as dúas persoas feridas con queimaduras, un home e unha muller, puideron ser trasladados en ambulancia.
Un particular chamou ao 112 Galicia para pedir axuda. No seu relato indicaba que lle estaba ardendo a casa, en Ceides, na localidade lucense de Carballedo e que, polo menos, había unha persoa que sufrira queimaduras.
De inmediato, desde o 112 Galicia informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-06 e aos Bombeiros de Chantada. Do mesmo xeito, foron informados a Garda Civil e os efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.
Ata o lugar, tamén se desprazou un equipo médico a bordo do helicóptero medicalizado con base en Ourense, aínda que, as dúas persoas evacuadas puideron ser trasladadas en ambulancia ata o Hospital de Ourense, acompañadas, iso si, polo persoal médico da aeronave.
Con todo, tras finalizar a extinción do lume e arrefriar a zona, os Bombeiros comunicaron ao 112 Galicia que ardera por completo a cociña da vivenda.
