Dúas persoas trasladadas por inhalación de fume na Coruña e arde unha palleira de herba seca en Lalín

1 minutes read

O 112 Galicia tivo constancia do primeiro suceso a través dun particular, minutos antes das 8 horas deste sábado. Durante a conversa, explicou que escoitaba pedir axuda e que vía lume nun piso da Ronda de Outeiro, na Coruña. Os Bombeiros da Coruña traballaron no punto para atallar as lapas, que queimaron unha habitación por completo, e dúas persoas tiveron que ser evacuadas por Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña por inhalación de fume. No operativo tamén participaron axentes da Policía Nacional e Local.

Arde unha palleira de herba seca en Lalín

Os servizos de extinción traballaron durante varias horas para atallar un lume que afectou a un galpón onde se gardaban uns cincuenta rolos de herba, no lugar de Palmaz, Goiás (Lalín). Foi unha das persoas que se atopaba na casa afectada quen, ao fío das 22 horas do venres, explicou ao 112 Galicia que a construción estaba pegada á vivenda. Ata o lugar desprazáronse a Garda Civil e os Bombeiros de Silleda, así como o Servizo Municipal de Protección Civil de Lalín. Contra as 3:30 horas dábase por rematado o operativo.