Dúas Reservas da Biosfera luguesas solicitarán unha moratoria para paralizar os parques eólicos


A Reserva da Biosfera Terras do Miño, e a Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá comprometéronse, a instancia do Sindicato Labrego Galego, a solicitar á Xunta de Galicia unha moratoria que paralice de xeito inmediato os parques eólicos actualmente en tramitación.

A raíz das incidencias 8/2021 e 9/2021 rexistradas polo SLG, o Comité Español do Programa MaB da UNESCO, vinculado ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, aprobou realizar un informe sobre as incidencias dos parques eólicos nas Reservas de Biosfera, así como un estudo sobre a viabilidade de instalacións eólicas, fotovoltaicas e termo solares -incluído o seu repotenciamento- e infraestruturas asociadas en territorios declarados Reserva da Biosfera no Estado español.

Dada a necesidade de coñecer as informacións que abordarán estas investigacións, Margarida Prieto Ledo, representante do SLG na Rede Galega Stop Eólicos (RGSE), interveu durante a sesión do Órgano de Participación da Reserva da Biosfera Terras do Miño -celebrado este venres- para solicitar que o Órgano Xestor desta Reserva solicite unha moratoria á administración Galega á hora de emitir as Declaracións de Impacto ambiental sobre os proxectos industriais en tramitación dentro das Reservas de Biosfera, como mínimo até que sexan publicadas as conclusións do estudo.

Esta acción forma parte da campaña que o Sindicato Labrego Galego vén desenvolvendo dende o mes de abril para solicitar a protección das Reservas da Biosfera e espazos de especial protección en Galicia fronte aos proxectos industriais. Até o dagora acadaron o compromiso tanto do Ministerio de Transición Ecolóxica como das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. Agardan que estes pronunciamentos se concreten en feitos á maior brevidade posible.