O 112-Galicia xestionou durante este mércores un total de 81 incidencias relacionadas co temporal de choiva e vento que afectou á comunidade, principalmente por inundacións, bolsas de auga e obxectos nas estradas. Segundo informou o Centro de Atención Integral a Emerxencias, este mércores rexistráronse 81 incidencias, aínda que non hai constancia de danos persoais.
En Vimianzo chegaron a acumular ata 180 litros por metro cadrado e foi onde máis choveu de toda Galicia e en Mazaricos superaron os 150 litros por metro cadrado acumulados. Pero amais da auga, tamén soprou moito vento; cun refacho máximo de 115 quilómetros por hora en Cedeira. Producíronse algunhas caídas de árbores en estradas secundarias e tamén na Nacional VI á altura de Lugo.