O accidente tivo lugar no estado de Odisha ao redor das 19.20 hora local. As imaxes mostran unha quincena de vagóns envorcados sobre as vías, con varias persoas subidas a eles tentando rescatar os pasaxeiros que quedaron atrapados no seu interior. Segundo informou o portavoz de Indian Railways, Amitabh Sharma, o choque entre os dous primeiros trens involucrados produciuse ao redor das 19:00 horas, tras o que outro tren de pasaxeiros que pasaba a gran velocidade impactou con varios dos vagóns envorcados. Para o rescate mobilizáronse tres equipos da Forza Nacional de Resposta a Desastre, catro unidades da Forza de Acción Rápida ante Desastres de Odisha, máis de 15 equipos de bombeiros, 30 médicos, 200 policías e 60 ambulancias. En 2020 producíronse 13.018 accidentes de tren na India. Neles morreron 11.986 persoas e outras 11.127 resultaron feridas, sendo as colisións a causa do 70% dos sinistros. A rede ferroviaria india conta cuns 21.650 trens e 7.349 estacións en todo o país, e transporta a diario uns 23 millóns de pasaxeiros.