Dumbría | A Xunta “Propulsa” a Fervenza do Ézaro

Up2DOwn é un espectáculo de danza-circo contemporáneo.

A zona de pantaláns da Fervenza do Ézaro, en Dumbría, converterase este venres, día 30, en escenario coa representación de dous espectáculos integrados no programa da Xunta Propulsa Danza+Paisaxe+Patrimonio. Así, ás 12,30 horas representarase Up2Down, de Traspediante, e ás 20,00, El pedalOpiano, de Le Piano du Lac & La Xata la Rifa. A iniciativa, posta en marcha este ano pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, busca poñer en valor a riqueza patrimonial e paisaxística de Galicia a partir das artes do movemento.

Up2DOwn é un espectáculo de danza-circo contemporáneo no que o humor e a danza interactúan co funambulismo, un disciplina nova en Galicia, creando un universo novo e singular. As bailarinas Marta Alonso e Paula Quintas interpretan dúas personaxes definidas polos seus status antagónicos, o alto e o baixo. A funámbula, etérea e ideal, e a pallasa, terreal e mundana. Xunto a elas, o público percorrerá unha viaxe emocional a través dos seus desexos e aspiracións ata que alcanzan un punto de encontro, o equilibrio.

Arturo Cobas dirixe esta creación colectiva, con Natalia Outeiro e Kirenia C. Martínez como asistentes de dirección e dramaturxia. A coreografía é das bailarinas que interpretan a peza, a música orixinal, de María Mendoza e o deseño de iluminación, de Javier Quintana. Fany Bello asumiu o estilismo.

Pola súa banda, El pedalOpiano é a nova creación de Le Piano du Lac, cun piano que descansa sobre dous flotadores catamaráns e produce unha verdadeira transhumancia musical onde se mestura unha ecléctica selección de melodías coa pouco usual mecánica  pianística a pedais. Un grande equipo técnico e artístico sostén o novo pedalOpiano, que alberga diferentes pianistas durante a súa viaxe. Unha plataforma sonora que trae e leva a ritmo de pedal artistas da Bretaña, Asturias, París e Altos Alpes no seu percorrido  pola Península Ibérica. Actúan Violette Prevost, como pianista artista, Solene Garnier, como pianista multiinstrumentista, e Nacho Muñoz como convidado especial para Propulsa. Damien Bajard é buzo e trompeta, Asgeir Sudan asume o son e Mónica Cofiño, a danza e a coordinación.

El pedalOpiano é a nova creación de Le Piano du Lac, cun piano que descansa sobre dous flotadores catamaráns.