39
Trátase dunha actividade lúdica e máxica que levará durante o mes de agosto os valores, símbolos e oportunidades da Unión Europea a oito concellos da provincia da Coruña adheridos á rede Europa no teu Concello. O espectáculo itinerante ‘A Maxia de Europa’percorrerá Pontedeume, Lousame, Rois, Dumbría, Sada, Negreira, Valdoviño e Cabanas entre o día 2 e o 25 deste mes. O público asistente poderá seguir os trucos de maxia realizados coas bandeiras europea e dos estados membro ou a moeda común, entre outros elementos. O espectáculo estará guiado polo mago Pedro Bugarín, un ilusionista con máis de 15 anos de experiencia no seu eido e que tamén ten vivido múltiples experiencias de mobilidade en Europa.