- O centro de saúde da localidade acollerá este mes a exposición ‘Punto e seguido’, formada por un conxunto de imaxes do fotógrafo compostelán Aigi Boga
A información e sensibilización sobre o dano cerebral adquirido volven a Dumbría grazas a unha colaboración entre o Concello e a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE). O centro de saúde dumbriés acollerá do 13 ao 27 de xuño a mostra ‘Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido’, que poderá visitarse de luns a venres de 08:00 a 15:00 horas.
As fotografías que compoñen a exposición, obra do fotógrafo compostelán Aigi Boga, realizáronse nas cinco asociacións que forman parte da Federación. Nas imaxes, protagonizadas polas persoas usuarias de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela, amósase a súa vida cotiá tras sufrir un ictus, un traumatismo cranioencefálico ou calquera outra das causas do dano cerebral adquirido.
Ademais, FEGADACE realizou un total de sete vídeos curtos que contan cos testemuños de persoas con dano cerebral, familiares e profesionais das entidades.
Esta non é a primeira vez que a entidade colabora co Concello de Dumbría xa que no pasado mes de abril tamén organizaron unha sesión informativa sobre as principais causas e secuelas deste tipo de discapacidade, así como o modelo de atención e os servizos de rehabilitación.
A organización desta actividade tamén conta co financiamento da Consellería de Política Social.