Dumbría | Presentación do libro ‘Monte Pindo. Historia e lendas do Olimpo Celta’, de Laura Suárez

1 minutes read
  • O evento celebrarase este domingo na Fervenza do Ézaro a partir das 11:30 horas

A ilustradora Laura Suárez (1994, Cee) presentará este domingo o libro Monte Pindo. Historia e lendas do Olimpo Celta baixo Editorial Galaxia. O evento terá lugar na Fervenza do Ézaro, en Dumbría, ás 11:30 horas. A autora está acompañada polo rexedor dumbriés, José Manuel Pequeño, e o director xeral da editorial, Francisco Castro.

O Monte Pindo é coñecido como o Olimpo Sagrado dos Celtas pola gran cantidade de lendas e historias que o rodean. Neste álbum, escrito e ilustrado por Suárez, o lector atopará as claves para comprender cada un dos momentos do Pindo, dende como se formou ata como se desenvolveu a vida de Galicia nel. A autora falou con arqueólogos, xeólogos e historiadores para informarse e así poder representar da mellor forma a importancia da conservación natural.

Fascinada polos libros e o debuxo dende a infancia, Suárez graduouse en Belas Artes na Universidade Politécnica de Valencia. Despois mudouse a Barcelona, onde viviu varios anos e cursou un máster na escola Elisava, especializándose en Ilustración e Cómic. Sempre coma ilustradora, e ás veces tamén coma autora, publicou o seu traballo con editoriais coma Penguin Random House, Xerais e o Grupo Edelvives, entre outros.