Dumbría recupera a lenda do Vákner, o monstro que atemorizaba a peregrinos

1 minutes read

A comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, participou este venres na inauguración do encontro internacional O Vákner, un monstro do medievo no Camiño de Fisterra e Muxía. Trátase dunha proposta que permite recuperar e poñer en valor o patrimonio inmaterial ao redor do Camiño de Santiago. No acto tamén estivo presente o vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado tamén de Plans, Turismo e Patrimonio, Xosé Regueira, o deputado e alcalde de Dumbría José Manuel Pequeño e o xornalista Pepe Formoso.

Coordinado polo historiador experto no Camiño de Santiago, Antón Pombo, as xornadas reúnen aos principais expertos nesta lenda que trata dunha besta que se atoparía, segundo os estudos, entre Fisterra e Muxía e da que fala por primeira vez un bispo armenio nun diario que escribiu durante a súa peregrinación a Santiago no século XV: “Padecín moitos traballos e fatigas nesta viaxe, na cal topei con gran cantidade de bestas salvaxes moi perigosas. Atopamos o Vákner, animal salvaxe grande e moi dañino”.

O acto significou a apertura dun programa de dous días en que especialistas e promotores do proxecto achegarán á figura do monstro, a súa pegada histórica e as posibilidades como recurso de atracción turística para o territorio da ruta xacobea a Fisterra e Muxía.