O Bergantiños parece estar condenado ao fracaso esta tempada. Este domingo tiña a necesidade imperiosa de puntuar ante o Laredo, un rival directo polas aspiracións á permanencia na categoría, pero non foi así. O apoio incondicional do seu público, a vistosa iluminación a estrear nas Eiroas e unha tarde apracible sen choiva non foron condicionantes suficientes para que os de José Cano lograsen puntuar, tras sete xornadas consecutivas no dique seco, con cambio de adestrador, sete novas incorporacións e nin así. O Bergantiños non gañou un partido máis desde o 19 de novembro de 2022. Encima este domingo a mala sorte cebouse co conxunto carballés, o único gol do rival meteuno Chapu Brunet en propia meta tras un rexeite na área pequena no minuto 65, nun partido moi igualado. Co resultado en contra os de Cano viñéronse máis arriba e no último minuto Ánder puido empatar, pero estragou a mellor ocasión para poder facelo. Con este resultado o Bergantiños mantense cos 16 puntos cos que chegaba a esta xornada da competición e segue ocupando unha praza de descenso a Terceira División, no posto 16 de 18. A próxima xornada medirase co Rayo Cantabria.
47