Ebrahim Raisí ratificado como presidente de Irán


O clérigo rigorista Ebrahím Raisí foi ratificado este martes como presidente de Irán, nunha cerimonia presidida polo líder supremo, Alí Jamenei. Raisí, de 60 anos, ten unha extensa e controvertida carreira na xudicatura e está baixo sancións de Estados Unidos. Aínda que nos últimos tempos tentou suavizar a súa imaxe, a desconfianza que sente por Occidente quedou patente no seu discurso. Esa animadversión cara a Occidente podería obstaculizar as actuais negociacións para rescatar o acordo nuclear de 2015. A toma de posesión de Raisí terá lugar o vindeiro xoves ante o Parlamento.

Israel criticou que a Unión Europea envíe ao acto a un alto representante. No plano internacional, a tensión con Irán escalou nos últimos días por mor dun ataque a un buque cisterna israelí na costa de Omán, que deixou dous mortos. Aos problemas internacionais de Irán súmase un complicado panorama interno. O novo presidente iraniano deberá facer fronte, entre outras cuestións, á crise económica, ao descontrol da pandemia de COVID-19 e aos cortes de electricidade e auga, que xeraron protestas no país.