EcoBallution | Un proxecto de material deportivo feito con redes de pesca de Corme

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou o porto de Corme co fin de coñecer o traballo que realizan as traballadoras da Asociación de Redeiras Illa da Estrela de Corme para EcoBallution, limpando e recuperando de forma artesanal redes que xa foron desbotadas polos barcos pesqueiros para reutilizalas na elaboración de canastras de baloncesto e outros artigos deportivos de calidade.

Coa súa implicación nesta iniciativa innovadora e inspirada na economía circular, segundo dixo a conselleira, a Xunta quere contribuír á súa consolidación e crecemento naa comunidade, fixándose como obxectivo que instalacións deportivas de toda Galicia aposten pola utilización de material reciclado como canastras, redes de portería, complementos, accesorios e mesmo roupa deportiva.

Acompañada por Carlos Martínez, promotor do proxecto e xogador profesional de baloncesto, Ángeles Vázquez felicitou á asociación polo traballo especializado e artesanal que realizan de forma cotiá e particularmente no marco deste proxecto, incidindo no papel clave que sempre xogou o colectivo das redeiras dentro do sector pesqueiro galego.

Neste sentido, argumentou que a implicación do seu departamento nesta idea, na que participará a partir de agora a través de Sogama, ten unha dobre vertente social xa que, por unha banda, contribúe á reciclaxe, o cambio de modelo cara á economía circular e a sostenibilidade; e pola outra, pon en valor unha profesión característica e tradicional de Galicia, dándolle visibilidade ao colectivo das redeiras.

O promotor do proxecto quixo incidir nas diferentes “patas sociais” que ten a iniciativa, coa que aspira a contribuír “non só a reciclaxe, senón tamén a poñer en valor a estas profesionais artesás que fan un traballo ás veces menos recoñecido do que debería”.

Ademais, a conselleira tamén quixo resaltar que esta unión entre dous mundos aparentemente distanciados, como son o deporte e a artesanía e tradición mariñeiras, encaixa perfectamente cos principios da economía circular, que aposta polo consumo responsable dos recursos naturais e a súa redución progresiva dándolle unha “segunda oportunidade” aos residuos a través da reciclaxe.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha