Ecoembes e a UCGAL premiarán a creatividade que fomente a conciencia medioambiental

1 minutes read
  • O prazo para participar no certame comeza o 25 de maio e a persoa gañadora gozará dun ano de asociada á Unión de Consumidores de Galicia

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) e Ecoembes poñen en marcha o Concurso de Fíos #HistoriasRecicladas para promover o coidado do medio ambiente e a economía circular.

Durante o 2019, cada galego depositou 12,9 quilos de envases de plástico, latas e bricks no contedor amarelo e 14,9 quilos de envases de papel e cartón no azul, o que se traduce nun 10,1% e 5,6% máis que no 2018, respectivamente. De feito, o uso do contedor amarelo na comunidade aumentou un 31,3% nos últimos cinco anos, segundo datos recollidos por Ecoembes.

Ante este panorama, o certame convida aos usuarios e usuarias a afiar a tecla e o enxeño para darlle forma a unha historia, totalmente orixinal pero basada nun conto clásico infantil, sobre a reciclaxe dos envases plásticos e de papel e cartón a través da rede social Twitter. Unha proposta coa que UCGAL e Ecoembes continuarán fomentando esa conciencia medioambiental e coñecemento sobre o tratamento de residuos.

O prazo para publicar as propostas abrirase o vindeiro luns 25 de maio ás 00.00 horas e pecharase o 14 de xuño ás 23.59 horas; o gañador anunciarase o 28 de xuño.

A persoa que o xurado elixa como gañadora gozará dun ano de asociada á Unión de Consumidores de Galicia, desde onde atenderán as súas consultas en materia de consumo; tramitarán as súas reclamacións ou interpoñerán no seu nome denuncias e queixas; e tamén recibirá un lote de produtos Ecoembes e unha camiseta da familia Benfeito, a banda deseñada da UCGAL.

Cartel Historias Recicladas_Unión Consumidores de Galicia