A finalidade destas axudas é sufragar parte dos gastos nos que incorreron estas entidades na prestación do servizo durante o pasado curso.
A convocatoria de axudas a ANPAs que xestionan comedores presta especial atención aos sobrecustos que supuxo a pandemia. Neste sentido, o orzamento total divídese en dous conceptos: un dirixido ao custo diario do menú, mantemento, persoal e limpeza e aos gastos ocasionados pola contratación de pólizas de seguro para a prestación do servizos; e outro destinado a sufragar gastos relacionados coa covid-19 (máscaras, material de desinfección e protección, etc).
Para o cálculo da axuda terase en conta, en ambos casos, a media de usuarios diarios do comedor escolar, e o seu importe poderá sufragar o 100% do gasto xustificado. Estas subvencións son compatibles con outras axudas para a mesma finalidade.
Poderán ser beneficiarias desta convocatorias as asociacións, federacións e confederacións de nais e pais de alumnado que xestionen, directa ou indirectamente, o servizo do comedor dos centros escolares públicos.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 27 de setembro e deberán presentarse por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
