Educación licitará canto antes o cambio da cuberta do instituto Eduardo Pondal de Ponteceso

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou este martes que a Xunta está a atender de xeito áxil as incidencias derivadas dos temporais deste inverno a través das unidades técnicas provinciais e servizos centrais. “Estamos a investir 5,2 M € en 119 actuacións de reparación en colexios e institutos de toda Galicia tras as condicións climatolóxicas das pasadas semanas”, dixo.

Fíxoo nunha visita ao Instituto Eduardo Pondal, en Ponteceso, onde precisamente se vai acometer o cambio de 3.758 metros cadrados de cuberta tras os desperfectos sufridos por mor do mal tempo, cun investimento de case 400.000 €. Neste momento o proxecto está en supervisión, co obxectivo de licitalo canto antes e poder executar a obra no verán. A nova cubrición será de panel sándwich de 30mm de espesor con illamento térmico de la de roca e lucernarios de policarbonato. Tamén se impermeabilizarán os  500 m² e colocaranse novos canlóns e baixantes.

A actuación eleva a 700.000€ o investimento da Xunta nos centros educativos de Ponteceso ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica. Neste sentido, cómpre sinalar que, ademais dalgunhas pequenas reparacións en varios centros do municipio, destacan as melloras sectoriais no Colexio Eduardo Pondal (105.000€), así como a instalación dun ascensor no instituto hoxe visitado.

Related posts

O Concello de Camariñas nomeará ao recoñecido locutor Marcial Mouzo como fillo predilecto

O delegado do Goberno visitou as obras de seguridade e recuperación medioambiental en Razo

O Concello da Laracha convoca unha reunión da mesa de negociación que abordará a modificación puntual da RPT