Educación pon en valor a importancia da reforma do Instituto Alfredo Brañas de Carballo

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, comprobou o resultado das obras de rehabilitación integral acometidas no Instituto Alfredo Brañas de Carballo. 15/04/2026 Foto: Moncho Fuentes / AGN A Coruña

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou este mércores o Instituto Alfredo Brañas de Carballo para comprobar o resultado da rehabilitación integral acometida no centro. A obra, enmarcada no Plan de nova arquitectura pedagóxica, contou cun orzamento de máis de 1,7 M€ e súmase á reforma do salón de actos cunha achega de 270.000 €. Isto fai que o investimento total da Xunta no centro ascenda a case 2 M€.

O titular do departamento educativo do Goberno galego puxo en valor a importancia desta actuación para mellorar a vida diaria da comunidade escolar, integrada por máis de 700 persoas. “Estamos a falar dunha intervención coa que renovamos totalmente a envolvente, isto é, cubertas, illamento de fachadas e fiestras, o que redunda nun maior confort térmico”, destacou o conselleiro.

Román Rodríguez sinalou tamén que este tipo de obras levan consigo tamén unha importante redución do consumo de enerxía, “contribuíndo a que os edificios educativos sexan tamén máis respectuosos co medio ambiente, un dos obxectivos do Plan de nova arquitectura pedagóxica”. No caso do instituto carballés, conséguese un aforro enerxético do 55%.

A obra en cifras

No que atinxe ás actuacións para a eficiencia enerxética, no IES Alfredo Brañas colocáronse 4.545 m² de sistema de illamento térmico polo exterior tipo SATE nas fachadas. Así mesmo, instalouse unha nova cuberta 602 m² de panel sándwich con illamento térmico, colocáronse novos canlóns e baixantes e mudáronse 729 luminarias por unhas novas de tipo led.

Por outra banda, renováronse 300 fiestras por unhas novas de aluminio en anodizado natural con rotura de ponte térmica e acristalamento dobre con cámara de aire e tratamento de baixa emisividade. Tamén se substituíron as persianas, así como as carpinterías interiores, un total de 149 portas, que son de laminado fenólico.

A maiores, instalouse falso teito rexistrable nas aulas do módulo de ampliación (que ata o momento carecían del) e realizáronse tarefas de pintado nas zonas afectadas pola rehabilitación.

Related posts

Portos e Concello de Fisterra acordan a proposta para a reversión ao Estado de terreos innecesarios do peirao

Xornada Nova Economía para a Aldea do Século XXI, celebrada no Couto, en Ponteceso

A Laracha solicitará acollerse ao incremento da achega autonómica destinada ao Servizo de Axuda no Fogar