Educadores de Sogama impartiron unha actividade formativa na Baña

1 minutes read

Educadores de Sogama desprazáronse este luns ao municipio da Baña para impartir unha sesión formativa na sede de Anxiños, unha asociación sen ánimo de lucro cuxo labor é atender, de forma integral, a nenos e adolescentes con trastornos mentais.

Dado o gran interese desta organización en conectar aos usuarios coa natureza e facelos partícipes na protección da mesma, a súa presidenta, Ruth Gómez Vázquez, solicitou a colaboración de Sogama para levar a cabo unha xornada teórico-práctica con tinguiduras lúdicas na que nenos e adolescentes puidesen coñecer a problemática que trae consigo a elevada xeración de residuos e como xestionalos de forma correcta para evitar o seu negativo impacto sobre a contorna.

O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, e a xefa territorial de Medio Ambiente da Coruña, Cristina Carrión Rodríguez, quixeron visitar este centro para mostrar o seu apoio a unha causa tan nobre e entregar aos pequenos diverso merchadising corporativo, a fin de fomentar dalgunha forma a súa activa participación na consecución dun medio ambiente limpo e saudable.

Tras as explicacións iniciais, as monitoras saíron ao exterior cos pequenos para que todos eles participasen na montaxe do composteiro, explicando in situ o proceso de fermentación da materia orgánica e as excelentes propiedades que o compost resultante ten para o solo, xa que o nutre, fortaléceo e mesmo o protexe fronte a pragas e enfermidades.

A filosofía de Anxiños evidencia, unha vez máis, que o coidado do medio ambiente constitúe unha excelente canle para a educación integral da poboación, un valioso instrumento de carácter social e un tesouro para mellorar a calidade de vida dos máis vulnerables.