EE.UU. derrubou este domingo un terceiro obxecto voador preto da fronteira con Canadá


O Exército dos Estados Unidos derrubou este domingo un novo obxecto voador non identificado, nesta ocasión mentres sobrevoaba o lago Hurón, no norte do país, segundo adiantou o congresista Jack Bergman e confirmaron fontes gobernamentais á CNN. Trátase do terceiro “obxecto” neutralizado nos últimos tres días en América do Norte, despois do derrubado o venres sobre Alaska e o do sábado no Canadá. Bergman, a través de Twitter, dixo que estivera en contacto co Departamento de Defensa sobre esta operación na zona dos Grandes Lagos, que se coñeceu despois dun peche temporal do espazo aéreo sobre o lago Michigan. Por agora non se coñecen detalles sobre este obxecto e tampouco hai moita información sobre os dous últimos que foron derrubados, mentres se traballa en recuperar os seus restos, aínda que o líder demócrata no Senado, Chuck Schumer, dixo que se cre que ambos eran globos, aínda que máis pequenos que o suposto globo espía chinés interceptado a semana pasada.