EEUU achegará 33.000 millóns de dólares máis a Ucraína


O presidente Joe Biden pediu ao Congreso de Estados Unidos unha axuda adicional de 33.000 millóns de dólares para Ucraína. Esta cuantiosa suma destinaríase ao equipamento militar, programas humanitarios e o mantemento das funcións do Goberno de Kiev. A proposta duplicaría con fartura o paquete inicial de 13.600 millóns de dólares de axuda económica e de defensa para o devandito país. A petición prodúcese cando os combates, que xa van pola novena semana, se agudizan no leste e o sur do país e as tensións internacionais aumentan ao Rusia cortar a subministración de gas a dous aliados da OTAN, Polonia e Bulgaria.

Biden tamén pediu ao Congreso a creación dunha autoridade administrativa especial para confiscar activos de oligarcas que axilizaría o proceso confiscatorio, ampliaría os tipos de activos suxeitos a ser confiscados e permitiría a súa doazón a Ucraína, para remediar os danos causados por Rusia na guerra. Outra das solicitudes é modificar a lei para que se poida confiscar tamén calquera propiedade usada para “facilitar” violacións por parte dos oligarcas que acareen sancións, a diferenza do que ocorre na actualidade, en que só se poden confiscar os beneficios desas actividades.