O xefe da diplomacia de EEUU, Antony Blinken, visitou Ucraína para prometer mil millóns máis a Kiev para dar aire á contraofensiva. A axuda incluirá, por primeira vez, municións de uranio empobrecido para tanques. Esa munición vai destinada para os tanques Abrams, detallou o Pentágono nun comunicado que engade que tamén haberá material para apoiar o sistema de defensa aéreo ucraíno e munición adicional para lanzamisiles HIMARS.
O uso de proxectís con uranio empobrecido, que teñen maior capacidade para perforar blindados, foi durante moito tempo un tema controvertido debido aos seus posibles impactos na saúde e o medioambiente.
Blinken tamén se reuniu co presidente ucraíno Volodímir Zelenski. O secretario de Estado estadounidense dixo que espera que este novo paquete de axuda de alento e impulso á contraofensiva ucraína fronte ás tropas rusas que se acelerou nestas últimas semanas.
O voceiro do Consello de Seguridade Nacional da Casa Branca, John Kirby, apuntou nunha conferencia de prensa que co paquete deste mércores Washington está “moi centrado” en axudar a Ucraína a ter éxito na contraofensiva contra Rusia