Os membros do Consello de Seguridade da ONU denunciaron a Rusia. O motivo son as catro consultas populares que se levaron a cabo en Ucraína e segundo as cales Moscova considera que unha gran parte da poboación quere a anexión.
O presidente da exrepública soviética, Volodímir Zelenski, descarta negociar con Rusia sobre este asunto: «O recoñecemento por parte de Rusia dos pseudo-referendos como algo «normal», a implementación do chamado escenario de Crimea e un novo intento de anexión de territorio ucraíno significa que non hai nada que falar co actual presidente de Rusia.»
Linda Thomas-Greenfield, embaixadora de Estados Unidos ante a ONU, cualificou de «farsa» os referendos e sostén que estaban «predeterminados en Moscova». Tamén o representante da diplomacia de Washington, Antony Blinken, prometeu que Occidente nunca recoñecerá a anexión de territorio ucraíno por parte de Rusia. Unha postura similar á do secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg: «A farsa dos referendos, a retórica nuclear, combinada tamén coa mobilización das forzas armadas en Rusia, todo isto é unha grave escalada do conflito».