A Deputación da Coruña, no seu labor de promoción, difusión e apoio ao deporte coruñés, vén de conceder este ano 45 bolsas deportivas de 3.500 euros destinadas a deportistas da provincia que destacan en competicións federadas a nivel rexional, nacional e internacional.
A través desta convocatoria destináronse 157.500 euros, que foron a parar a deportistas de diferentes disciplinas. Concedéronse 8 de atletismo, 3 de bádminton, 1 de ciclismo, 9 de halterofilia, 1 de esgrima, 2 de judo, 2 de karate, 1 de loita olímpica feminina, 3 de natación, 2 de piragüismo, 3 de remo, 1 de remo olímpico, 1 de surf, 3 de taekwondo, 1 de tiro con arco, 1 de tríatlon e péntatlon moderno, 2 de vela e 1 de ximnasia.
Entre os 45 deportistas agraciados con estas bolsas de 3.500 euros está o atleta ceense Elian Numa López Iglesias, quen aos seus 21 anos de idade é campión galego e subcampión de España en 800 metros lisos.
A deputada de Deportes, Cristina Capelán, afirmou que «un dos propósitos da Deputación é estar ao carón dos nosos deportistas para que poidan desenvolver todo o seu potencial, ter acceso á mellor preparación e competir ao máis alto nivel».