O OIEA pide a Rusia e Ucraína unha zona de seguridade en Zaporiyia


O Organismo Internacional de Enerxía Atómica pediu a Rusia e a Ucraína chegar a un acordo para establecer unha zona de protección e seguridade ao redor da planta ante o crecente temor de que os combates provoquen unha catástrofe nuclear. O informe do equipo que a inspeccionou a semana pasada sinala que aínda que o ocorrido ata o de agora non disparase unha emerxencia nuclear representa unha constante ameaza porque funcións cruciais como a contención da radioactividade e a refrixeración poderían verse afectadas. As forzas rusas que controlan a central acusan as ucraínas de bombardear Enerhodar, a cidade onde se atopan as instalacións, mentres Kiev acusa as tropas rusas de atacar Nikopol, localidade próxima alén do río Dnieper. As autoridades ucraínas xa pediron este martes a Rusia abrir un corredor humanitario para evacuar aos civís que viven nas proximidades. O informe destaca tamén o enorme estrés e presión baixo o que traballa o persoal ucraíno da planta, o que aumenta as posibilidades dun erro humano.