Eleccións Xerais o 28 de Abril


28 de abril. É a aposta de Pedro Sánchez para chamar ás urnas e tentar alargar a representación do PSOE no Congreso, volver ser elixido presidente do Goberno de España por unha “nova maioría parlamentaria” e exercer como tal unha lexislatura completa. Así o anunciou o líder socialista este venres nunha longa “declaración institucional” con límite de preguntas no Palacio de La Moncloa tras presidir un Consello de Ministros extraordinario, monográfico sobre a data electoral, antes da xuntanza ordinaria do máximo órgano gobernamental español.

Había “dúas opcións”: “Non facer nada e continuar” cuns “orzamentos que non son os nosos e que incumpren as esixencias sociais que precisa o noso país” ou “crer que España non ten nin un minuto que perder porque precisa avanzar”, xustificou Sánchez antes de anunciar a data cun ton abertamente electoral e de balance dos seus nove meses no poder. Entre referencias á manifestación na que as formacións da dereita esixiron a súa saída inmediata da presidencia, Sánchez esgrimiu a “lexitimidade democrática” do Executivo emanado da moción de censura que, substituíu a outro, o do PP, “asediado pola corrupción”.

Consello de Ministros deste venres