Elena Vázquez, convocada a un adestramento coa Selección Española Femenina Sub-15

2 minutes read

A carballesa Elena vázquez convértese na primeira xogadora que militando no Bergantiños FC é convocada pola selección española, marcando así un fito histórico nos 100 anos do club, así como tamén no Feminino que ao longo dos 6 anos dende a creación da sección feminina nas Escolas Luis Calvo Sanz e no Bergantiños FC, foron quen de ir colleitando grandes éxitos e facendo máis grande o seu escudo.

Elena Vázquez que se formou dende os seus comezos no fútbol nas Escolas Luis Calvo Sanz e na base do Bergantiños, forma parte na actualidade do plantel do sénior feminino (1ª División Galega, categoría á cal ascenderon a pasada Temporada 21/22 e que a día de hoxe está a disputar a fase de ascenso a Liga Nacional), así como tamén no cadete de Liga Galega.

A maiores, a xogadora vén de clasificarse para a final do Campionato de España coa Selección Galega Feminina Sub-15, sendo unha das capitanas do equipo. Con Elena, xa son tres os xogadores formados nas Escolas Luis Calvo Sanz e na base do Bergantiños FC que son convocados pola selección española.

No seu día Santi Canedo e Angeliño tiveron a oportunidade de vestir a camisola nacional, aínda que non estaban militando nese intre no Bergantiños FC, sí se formaron dende os seus comezos no fútbol na nosa base. A maiores, da convocatoria de Elena para a selección española, as xogadoras de Escolas Luis Calvo da categoría Promesas Telma García, Sabela Rodríguez e Paola Vázquez foron convocadas para un adestramento coa Selección Galega Sub-12, que tivo lugar este mércores no Campo de Seira en Rois. Elas tamén escriben unha páxina na historia do club ao seren convocadas por vez primeira tres xogadoras ao mesmo tempo das Escolas Luis Calvo Sanz en categoría sub-12.

Dende o club séntense orgullosos de todos os pasos que están a dar as xogadoras do feminino así como dos éxitos que están a colleitar a nivel grupal como de xeito individual. As Escolas Luis Calvo Sanz e o Bergantiños FC seguirán coidando e mimando a súa canteira para así seguir escribindo, todos xuntos e xuntas, novas páxinas na historia do club.