Eliminada unha vertedura ao río Grande en O Allo-Zas

1 minutes read

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través do Plan de Control de Vertidos desenvolvido dende Augas de Galicia, vén de emendar un punto de vertido que afectaba ao río Grande, na parroquia do Allo, no concello de Zas.

Os técnicos do Plan de Control de Vertidos identificaron o punto nunha campaña rutineira, e tras recoller unha mostra do vertido no que se confirmaron os aportes contaminantes, realizaron unha inspección cos técnicos municipais do Concello de Zas para proceder á emenda deste foco.

As emisións contaminantes tiñan orixe nas conexións irregulares ou aportes dende a rede de augas residuais do Polígono Industrial do Allo cara a rede de evacuación de augas pluviais que verte directamente no río Grande.

Augas de Galicia solicitou ao Concello a planificación e posterior realización dunha serie de actuacións nos colectores, orientadas a mellorar á segregación das augas pluviais respecto da rede de residuais.

Recentemente, e transcorrido un prazo estimado dende a última inspección, técnicos do Plan de Control de Vertidos efectuaron unha nova inspección na que puideron verificar a ausencia de contaminación na nova analítica realizada, verificando que se procedeu á emenda do punto de vertido logo das actuacións levadas a cabo polo Concello de Zas.