Os técnicos do Plan de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, localizaron este foco nunha inspección rutineira.
O vertido producíase a través dunha rede municipal que recibía, tanto augas pluviais, como residuais de vivendas da zona, vertendo sen depuración previa á ría de Camariñas.
Os técnicos autonómicos iniciaron diversas inspeccións co persoal do Concello, de cara a requirir as medidas oportunas para a eliminación do vertido.
Tras todas estas actuacións, o Concello realizou unha intervención no colector que provocaba o vertido, consistente no selado da condución e o baleirado periódico das augas residuais por parte do persoal municipal.
O persoal de Augas de Galicia confirmou nunha inspección recente a execución desta actuación por parte do Concello, así como o consecuente cese do vertido.