Os técnicos do Plan de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, localizaron este foco nunha inspección rutineira.
O vertido tiña a súa orixe nos aportes de augas residuais urbanas a un colector que evacúa augas pluviais directamente á ría de Camariñas.
Os técnicos iniciaron diversas inspeccións co persoal do Concello, como titular da rede, de cara a requirir as medidas oportunas para a eliminación do vertido.
Tras varias inspeccións de seguimento e investigacións, o Concello realizou unha intervención nun tramo do colector que provocaba o vertido, que foi reparado para evitar as filtracións das augas residuais.
O persoal de Augas de Galicia confirmou nunha inspección recente a execución desta actuación por parte do Concello, así como o consecuente cese do vertido.