Eliminados dous puntos de vertidos de augas residuais na parroquia de Rodís, en Cerceda

1 minutes read

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de eliminar dous puntos de vertido de augas residuais na parroquia de Rodís, no concello de Cerceda.

O persoal do Programa de Control de vertidos de Augas de Galicia detectou nunha inspección rutineira estes puntos de vertido de augas residuais procedentes de dúas vivendas particulares.

Na inspección os técnicos autonómicos comprobaron que as augas vertidas se infiltraban cara á cuneta da estrada sen recibir ningún tipo de depuración previa.

Unha vez detectado o problema, Augas de Galicia instou aos titulares dos inmobles a levar a cabo as accións correctoras necesarias para emendar a achega contaminante.

Nunha nova inspección á zona, os técnicos constataron a eliminación dos citados puntos de vertidos cara ao dominio público, logo de proceder os responsables das vivendas a solucionar as deficiencias.