A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, eliminou un vertido de augas residuais procedente dunha instalación industrial cara ao rego de Vaa, no concello de Malpica de Bergantiños.
Este foco foi localizado no marco das inspeccións rutineiras levadas a cabo polos técnicos do Programa de Control de Vertidos, xunto coa Gardería Fluvial de Augas de Galicia.
Os técnicos da Xunta identificaron a orixe do punto de vertido nun aliviadoiro localizado no sistema de depuración das instalacións da empresa.
As comprobacións realizadas polo persoal de Augas de Galicia, mediante mostraxes analíticas, constataron que o vertido cara ao medio receptor se producía en condicións inadecuadas.
Ante a deficiencia observada, os técnicos requiríronlle aos responsables da instalación a adopción das medidas correctoras oportunas co obxectivo de emendar ese foco.
Os responsables da industria procederon ao selado do antigo aliviadoiro, emendando deste xeito as achegas irregulares ao dominio público hidráulico, como verificaron os técnicos da Xunta nunha nova inspección.