A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, eliminou un vertido de augas residuais industrias no concello de Vimianzo.
Este foco foi localizado no marco das inspeccións rutineiras levadas a cabo polos técnicos do Plan de Control de Vertidos, xunto coa Gardería Fluvial de Augas de Galicia, ás instalacións industriais no municipio.
Os técnicos da Xunta identificaron a orixe do punto de vertido nas augas industriais dunha empresa que se infiltraban no terreo e con posibilidade de acadar o río Castro.
As comprobacións realizadas polo persoal de Augas de Galicia constataron a orixe do foco nunha sala dotada de sistema de aspiración con aplicación de auga a presión, para unha parte moi concreta da actividade industrial, con saída a dominio público, previo paso por un decantador.
Ante a deficiencia observada, os técnicos requiríronlle aos responsables da instalación a adopción das medidas correctoras oportunas co obxectivo de emendar ese foco.
Os responsables da empresa procederon á anulación do citado decantador e a supresión de efluentes, emendando deste xeito as achegas irregulares cara ao dominio público, como verificaron os técnicos da Xunta nunha nova inspección.