- A tripulación atópase dentro do buque, pero a salvo
O Blue Star, un petroleiro que navegaba sen carga encallou durante a noite do venres nunha zona rochosa da Ría de Ares, sen que ningún membro da tripulación resultase ferido.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos ás 00:35 horas a través de Salvamento Marítimo, que desprazou ata a zona un helicóptero e varios remolcadores, que avaliaron a zona e valoraron o remolque do barco.
A embarcación, de 128 metros de eslora, sufriría un fallo na máquina e, debido ás condicións meteorolóxicas, impactou na zona de As Mirandas, próxima a uns illotes.
Nada máis recibir o aviso, desde o CIAE 112 Galicia informouse do ocorrido á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ares e a Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Está previsto que, durante este sábado, os servizos de emerxencia regresen á zona onde encallou o petroleiro para tentar remolcalo. Por outra banda, os tripulantes continúan a bordo do barco e en bo estado.