Emigración convoca o programa “Reecontros co Xacobeo” para 205 galegos do exterior


Esta iniciativa ten como obxectivo promover os lazos das persoas vinculadas ás entidades galegas con Galicia e coa súa cultura a través do Camiño de Santiago que existen tanto no resto das comunidades autónomas, como nos países europeos. Este ano vólvese abrir a convocatoria tamén aos centros galegos de América.

O obxectivo é que, unha vez vivida a experiencia, os participantes poidan colaborar como axentes activos na promoción e difusión do Camiño de Santiago e do fenómeno do Ano Santo Xacobeo nos lugares en que as entidades teñen a súa sede.

Esta iniciativa oferta 205 prazas desenvolvéndose, previsiblemente, na primeira quincena de outubro. Consiste en realizar pequenas etapas do Camiño de Santiago e un achegamento ao patrimonio cultural e natural das respectivas zonas visitadas.

Este programa, que conta cunha dilatada traxectoria, desenvolveuse o ano pasado e o actual centrados no Ano Santo de cara a promocionar o Xacobeo sen perder o espírito de reencontro con Galicia co que naceu esta iniciativa fai máis de 30 anos.

A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo dos traslados dos participantes mediante o financiamento dos custos desde o seu lugar de orixe ata Galicia e dos do regreso. Así mesmo, encargarase dos desprazamentos en Galicia e do seu aloxamento e manutención.

O prazo de presentación de solicitudes, que se acaba de abrir, será ata o 22 de xullo.