Augas de Galicia, vén de emitir a proposta de autorización de vertido ao río Pesqueiras (ou rego de Rabaceiros) de augas residuais depuradas procedentes da Mina de San Finx, situada en Vilacova, no concello de Lousame, unha proposta de autorización que está condicionada ao cumprimento de 18 requisitos e das normas de calidade ambiental.
Entre os condicionantes máis salientables na resolución atópase a limitación aos caudais de vertido nas fases de baleirado e na de explotación. En concreto, a fase de baleirado, actividade previa á explotación, debe realizarse en 3 fases cunha duración de 494,38 días para o baleirado dun total de 889.885 m3. Na fase de explotación establécese o caudal tratado poderá acadar un total de 631.836 m3/ano, correspondendo 481.800 m³ a augas extraídas das galerías e 150.036 m³ a augas de escorrega da zona industrial.
A resolución remítese á responsable da explotación mineira, a empresa Tungsten San Finx, S.L., e aos interesados, para que no prazo de 10 días, a contar desde o seguinte da notificación, se presenten cantas alegacións se consideren convenientes para posteriormente, no seu caso, ditar a correspondente resolución.