Os partidos entre o Magope Seis do Nadal e o Calvo Xiria balonmán sempre son de moita presión e un alto nivel de xogo, o deste sábado non ía a ser menos. O equipo carballés empezou con bo pé marcando primeiro, pero foi un espellismo que só duraría dous minutos no luminoso de Coia. O conxunto vigués pegábase como a cotra ata o meridiano da primeira metade cun 7-7 no marcador. A partir de aí o Sedona lograba abrir un oco de tres goles consecutivos, mantendo esa diferenza ata o descanso, ao que se chegaba co resultado de 12-9.
Tras a continuación, nos primeiros minutos o conxunto local puxo sobre a cancha a súa mellor versión, chegando a conseguir unha renda de +5. O Xiria foise rearmando ben, tanto en defensa como en ataque, logrando reducir esa brecha no marcador, conseguindo empatar o partido a pouco máis dun minuto para o final. Unha exclusión no último minuto mantería ao Xiria cun home menos na cancha dous minutos, que xa non quedaban. A presión foi máxima, cun tempo morto local a 22 segundos do final, posesión dominante do balón e ocasións claras para ambos os equipos, boa intervención de ambos os porteiros e coa madeira como aliada do Calvo Xiria o marcador xa non se movería, 22-22.
