Emotiva celebración en Laxe do 60º aniversario do Simulacro do Naufraxio

Cedida.

Laxe celebrou este mércores a 60ª edición do Simulacro do Naufraxio, un evento único na Costa da Morte que logrou reunir a centos de persoas no porto da vila. Esta recreación, declarada de Interese Turístico de Galicia, foi dedicada ao impulsor da mesma: Avelino Lema Santos, falecido no ano 2020.

A actividade, enmarcada dentro das festas patronais de Laxe, arrincou coa homenaxe a Avelino previa celebración da misa solemne pola Virxe do Carme (12:00 horas). Posteriormente foi interpretada unha Salve Mariñeira por Antonio Barros en memoria de todos os náufragos para dar paso á procesión da Virxe por terra ata o porto, onde se representou o Naufraxio ante centos de persoas. Despois da función tivo lugar a procesión marítima.

Desde o goberno local afirman sentirse moi “orgullosos e orgullosas de todo o traballo realizado polas persoas implicadas nesta recreación tan especial, dedicada este ano a un dos nosos veciños máis queridos: Avelino Lema Santos”. Tamén sinalan que esta homenaxe desenvolverase durante próximas edicións xa que “é importante seguir tendo presente ao impulsor dun acontecemento moi especial que pon a Laxe no mapa a nivel turístico pero, sobre todo, cultural”.

Centos de persoas asistiron en Laxe á recreación do evento.