O Concello da Laracha rendeu unha moi especial homenaxe aos seus deportistas a título individual e clubs, peñas, asociacións e entidades deportivas máis destacadas.
Foi na 4ª Gala do Deporte da Laracha -un evento que se celebra cada catro anos- presentada polo xornalista larachés Moncho Viña e amenizada polo cómico David Perdomo.
Foron entregados un total de 54 galardóns, todos eles de mans do alcalde José Manuel López Varela, e da concelleira de Deportes, Patricia Bello, nun acto que se celebrou nunha ateigada Casa da Cultura, na que se deron cita unhas duascentas persoas.
Na súa intervención, o Alcalde salientou os “valores de compromiso, respecto, traballo en equipo, busca da excelencia e constancia” das persoas premiadas. Tamén resaltou “o fundamental labor social que desenvolven as entidades para que na Laracha poida practicarse case calquera modalidade deportiva”. O rexedor municipal tamén afondou no compromiso de colaboración do Concello da Laracha con todos eles, apuntando nese sentido a apertura do prazo para solicitar as subvencións municipais para deportistas e entidades, ás que neste ano se destinan 121.500 euros.
A cerimonia desenvolveuse en tres bloques. No primeiro recoñeceuse o labor de 32 asociacións, clubs e peñas deportivas do municipio como un agradecemento ao traballo que realizan en beneficio de todos os veciños da Laracha.
Na segunda parte da gala o protagonismo foi para cinco entidades para as que o período de catro anos que vai desde a anterior gala (celebrada en marzo de 2015) ata a celebrada o sábado tiveron unha notable relevancia. Estas mencións especiais foron para:
– Unión Deportiva Paiosaco (fútbol): ascenso a terceira división e campión de dúas Copas da Coruña.
– Asociación Cultura Deportiva A Billarda de Toxo: fundada en 2015 e en recoñecemento ao esforzo pola recuperación deste deporte tradicional galego.
– Club de Chave Paiosaco: en recoñecemento á traxectoria da entidade.
– Club e Escolas Deportivas de Baloncesto da Laracha: por potenciar o baloncesto no municipio e contar actualmente con máis de 130 deportistas nas súas filas.
– Club de Tiro Olímpico Laracha: pola creación do campo de tiro olímpico no Concello da Laracha, que é un dos máis modernos e completos de Galicia, e polos éxitos dos seus deportistas en campionatos galegos e nacionais.
A continuación pasaron polo escenario da Casa da Cultura os 17 premiados a título individual:
– Melchor Puente (colombicultura). Premio ao pombo coa máxima puntuación no campionato galego, entre outros logros en competicións autonómicas.
– Ángel Mallo (tiro con arco). Campión galegos de veteranos en 2015 e 2018.
– Andrea García, Antía Cotelo e Marta Andrade (patinaxe artística). Competindo co Club Patín Conxuro da Laracha, participaron en campionatos internacionais en Palma de Mallorca e en Madrid.
– Noemy Marta Mañana (patinaxe artística). Actualmente retirada da competición. En 2016 quedou 5ª clasificada en categoría cadete na Copa de Europa disputada en Bolonia.
– Daniel Remuiñán (quadcrós e autocrós). En quadcrós logrou campionatos galegos, títulos noutras comunidades autónomas e participacións en probas do mundial.
– Alejandra Montes (judo e pádel). Actual ampioa galega infantil en 63 kg en judo. Tamén forma parte da selección galega de pádel.
– José Manuel Cambón (judo). Promotor do judo no Concello da Laracha e fundador da Asociación Amigos del Judo Laracha.
– Iván Montero (paraciclismo). 6 pratas e 3 bronces en campionatos de España. No ano pasado logrou sendas pratas na probas de contrarreloxio individual e fondo.
– David Piñeiro (pesca submarina). Campión do mundo de pesca submarina por equipos no ano 2018 competindo na proba desenvolvida en Túnez.
– Juan Brandariz Movilla “Chumi” (fútbol). Xogador do F.C. Barcelona. Debutou co primeiro equipo na actual temporada. Campión de Europa sub-17 coa Selección Española e campión da UEFA Youth League co F.C. Barcelona.
– Enrique Ramilo, Borja Díez, Álvaro Hidalgo e Nicolás Mosquera (salvamento acuático). Polos seus resultados competindo co club SAL da Laracha en campionatos galegos e nacionais.
– Noelia Loureiro (salvamento acuático). Tamén pertence ao club SAL. Foi a mellor deportista galega de salvamento acuático en categorías xuvenil e júnior en temporada de inverno nos últimos tres anos logrando 9 ouros, 4 platas e 3 bronces nos campionatos autonómicos e 2 ouros, 1 prata e 2 bronces nos campionatos de España. Ostenta 4 récords galegos.
