O pasado domingo 4 de xullo tiña lugar o esperado adeus troyano ao archicoñecido xornalista da TVG: José Manuel Díaz Maseda, falecido o 23 de decembro de 2020 como consecuencia das lesións producidas nun accidente de tráfico acaecido cinco días antes.
Un dos membros máis activos e queridos de Troyanos de Compostela, o grupo musical de pulso e púa da Asociación de Antigos Tunos Composteláns, recibía a homenaxe en forma de concerto que os seus compañeiros lle renderon en Cedeira, a súa vila natal. O emotivo acto tivo que ser trasladado ao Polideportivo municipal debido ás inclemencias do tempo, que obrigaron a suspender o inicialmente previsto, ao aire libre nos exteriores da ermida de Santo Antón de Corveiro.
E é que, o ceo de Cedeira tampouco foi quen de conter a emoción, asolagando en forma de choiva as bágoas que do ceo manaban desde primeira hora da mañá.
A xornada desenvolveuse con profundo sentimento e emoción contida. O concerto contou coa presenza dos seus pais, José Antonio e Carmiña, así como a súa filla Cristina, quen coas súas palabras de agradecemento e orgullo puxeron aínda máis a flor de pel os sentimentos que por momentos desbordaban aos alí presentes, nun carrusel de sensacións indescritible.
Nos instantes iniciais ao concerto, a familia recibiu o obsequio troyano por excelencia. Trátase da medalla de Sargadelos da Casa da Troia, deseño de Xosé Vizoso, enmarcada sobre a cor granate Fonseca da bolsa troyana xunto cunha placa gravada conmemorativa. Os seus compañeiros Carlos Pardo e Juan Carlos Díaz del Valle foron os encargados de entregarlles o obsequio.

O presidente da Asociación de Antigos Tunos Composteláns ergo Troyanos de Compostela, Benigno Amor, dirixiu aos asistentes unhas sentidas palabras acerca do que a figura de Maseda significaba no universo troyano. Glosa que destacaba as calidades e valores que lle caracterizaban: axuda desinteresada, participación activa, compañeirismo, bo humor, ganas de espremer a vida e bonhomía. Todas elas acenos de identidade recoñecida nos distintos ámbitos nos que participou, tanto profesional como persoal e humanamente, e que non só cultivou, senón tamén ensino co valor do exemplo.
O concerto non foi demasiado extenso, pois este non era o obxecto do mesmo. Interpretáronse pezas crave do repertorio troyano e algunhas das que a el máis lle gustaban. Santiago, Lela, A Alfonsina, Compostelá, Foliada do Rueiro, Barrio bruxo (un dos seus temas favoritos), Carrascosa e Serenata Tapatía, conseguindo arrincar os aplausos das única e aproximadamente 50 persoas que por causa do covid, congregábanse nas bancadas.
O obxectivo non era outro que o poder despedir a un compañeiro e conseguir pechar o duelo que a pandemia obrigou a pospoñer ao mes de xullo.
O alcalde de Cedeira, Pablo Moreda, dedicou unhas cariñosas palabras á familia e aos Troyanos alí reunidos, poñendo en valor o aspecto humano da homenaxe e a importancia da figura e sinal que Maseda deixa no seu Cedeira querida. A vila que lle viu nacer.
A vida e os seus vaivéns leváronlle a Santiago a estudar, onde acabaría fixando residencia e onde atopou á súa outra familia: os Troyanos, quen orfos hoxe da súa figura, réndenlle tributo eterno. Xa sempre que inician o seu tradicional brinde, conclúen mirando ao ceo para dicir: “vai por ti Maseda, compañeiro, irmán”.

Á conclusión do acto, Troyanos de Compostela dirixiuse ao Mesón onde tivo lugar unha comida. No mesmo lugar onde tantas veces celebrara os seus aniversarios cos seus amigos tunos, tanto troyanos como doutras estudiantinas. O mesmo lugar que viu o seu sorriso, escoitou a súa guitarra e gozou da súa presenza actuou como testemuña de excepción da homenaxe, esta vez profano, que alí se rendeu. Á maneira que a el gustáballe e coma se aínda estivese presente en forma física, Troyanos de Compostela tocaron, cantaron e gozaron do ágape, facendo partícipes a todos os veciños de Maseda alí presentes da alegría e a luz troyana. Esa mesma luz que desde o ceo emanaba e magnificaba un Maseda presente aos ollos do corazón, pero imperceptible xa aos sentidos humanos.
Moita música, moita emoción e un brinde ao ceo inaugurado polos Troyanos con Maseda como padriño eterno.
Destacables as palabras de despedida da xornada dun Juan Carlos Díaz del Valle excedido pola emoción, quen como verdadeiro organizador do acto puido ver ao fin recompensadas as súas moitas viaxes a Cedeira, esforzos e entrevistas co edil da vila en aras de conseguir pechar o acto. Alcanzando un éxito sen paliativos coroado cunha ovación de gala troyana, así como os abrazos dos seus compañeiros.
Punto e final a unha despedida emocionante. Un ciclo que se pecha con dor pero que esixe continuar coa alegría e o bo facer do que os Troyanos sempre fixeron gala. E desta forma honrar a nova estrela que desde decembro brilla no ceo e que cando escoita a música da súa tuna, eclipsa a todas a demais, rutilando cunha intensidade inusitada.
Os troyanos xa teñen unha estrela no firmamento. Xa nunca camiñarán sós.
ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO

