Empreganav forma a preto de 200 traballadores do naval en Narón


A través desta acción formativa concreta, en Narón están a participar 187 persoas, que están a adquirir competencias para conseguir un certificado de homologación de soldadura 6G que é a proba máis utilizada para avaliar a certificación de soldador. Os alumnos están na actualidade inmersos no programa formativo e nas actividades de intermediación laboral.

En concreto, na comarca de Ferrol están a levarse a cabo máis de 2.700 horas de formación englobadas en máis de 55 accións formativas vinculadas con diferentes ámbitos. Así, realizáronse máis de 25 accións formativas sobre novas tecnoloxías, idiomas ou manexo de carretillas e plataformas elevadoras. Ofértanse tamén cursos en áreas alternativas ao naval, en industria 4.0, TIC ou electricidade industrial, entre outros. Na provincia da Coruña leváronse a cabo seis accións formativas vinculadas con este ámbito.

Así mesmo, impártese formación especializada no naval orientada á homologación dos diferentes tipos de soldadura, uso da ponte-guindastre para Navantia ou interpretación de planos mecánicos ou de caldeiraría, entre outros, con máis de 840 horas formativas. Ademais, para promover o espírito emprendedor desenvolvéronse catro cursos formativos co obxectivo de axudar ás persoas interesadas no autoemprego coa súa idea de negocio. Os cursos estiveron orientados á xestión empresarial, actitude emprendedora e oportunidades de negocio, creatividade e innovación empresarial e profesional.