Representantes da Asociación de Empresarios e do Concello de Carballo iniciaron unha visita de traballo a Euskadi, a comunidade autónoma con máis parques certificados
Pablo Rodríguez e José Bello, en representación da Asociación de Empresarios do Polígono, e Milagros Lantes e Luis Lamas, do Concello de Carballo, iniciaron este martes unha visita de traballo a Euskadi co obxectivo de iniciar a tramitación de cara á consecución dun selo de calidade para o Polígono de Carballo, un proxecto no que están a traballar a Asociación de Empresarios e a Concellaría de Promoción Económica.
A Coordinadora Española de Polígonos Empresariais (CEPE), en colaboración con AENOR, puxo en marcha a primeira marca europea de calidade para polígonos e parques empresariais co obxectivo de contribuír á competitividade do territorio a través da mellora da xestión do solo industrial.
Para conseguir a certificación é preciso acadar uns niveis determinados en aspectos de todo tipo: requisitos xurídicos, de titularidade, infraestruturas ou de influencia social, entre outros.
En Galicia, o único polígono certificado é o de Agrela (A Coruña). Euskadi é a comunidade autónoma con máis parques certificados, e por iso se organizou esta viaxe de traballo.