En 2019 foron atendidas 5.187 mulleres a través da vía rápida de cancro de mama


O Servizo Galego de Saúde atendeu, durante 2019, a través da vía rápida de cancro de mama, a un total de 5.187 mulleres, cun tempo medio de espera de 4,5 días. O departamento sanitario galego quere destacar que a atención ás persoas que sofren unha patoloxía oncolóxica constitúe un eixo vertebrador da prestación de asistencia no Sergas. No caso dos pacientes oncolóxicos, asegurar unha atención de calidade e mellorar as súas expectativas de vida pasa, sen dúbida, por mellorar o seu proceso de atención, diminuíndo as ineficiencias e estandarizando, na medida do posible, os coidados ao longo de toda a traxectoria asistencial.

Cómpre destacar que a participación das mulleres galegas no Programa galego de detección precoz do cancro de mama está por riba dos estándares europeos. Isto fai posible que arredor do 93% dos tumores podan ser detectados en estadio precoz.

O seguimento dos pacientes tratados de cancro non finaliza no momento en que se fai o tratamento. Cada vez son máis os sobreviventes de cancro que precisan dun seguimento continuado a longo prazo, próximo, coordinado e superespecializado, debido ao risco de sufrir secuelas ou problemas de saúde secundarios ao tratamento recibido. O cancro de mama é un deles; durante toda estes meses de pandemia provocada pola covid-19 tívose, como unha premisa básica, manter a actividade das vías rápidas oncolóxicas, e garantir o seu tempo máximo de espera. En todo momento estivo presente esta prioridade para o Servizo Gallego de Saúde.

O Sergas segue a traballar en minimizar os tempos de espera, facilitar a continuidade asistencial e basear a práctica clínica na mellor evidencia científica dispoñible, establecendo, de maneira clara e precisa, tanto a sistemática de atención como os mecanismos de coordinación dos distintos profesionais implicados en todos os niveis asistenciais.