O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo un encontro co alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis, para coñecer de primeira man a xestión da biomasa nas franxas secundarias deste municipio. Analizaron os traballos realizados nas parroquias priorizadas e acordaron comezar cos traballos subsidiarios proximamente.
Realizarase a limpeza nos terreos máis próximos ás vivendas situados nas tres parroquias priorizadas que ten Negreira -as de Lueiro, Xallas e Aro- ao abeiro do convenio subscrito entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e Seaga para a protección das aldeas. É dicir, a Xunta limpará estas franxas secundarias que non foron xestionadas polos seus propietarios e serán estes últimos os que deberán sufragar a roza.
Doutra banda, o conselleiro e o alcalde tamén analizaron o estado desas mesmas franxas no resto de parroquias do concello, onde sería -consonte á normativa vixente- a Administración local a encargada de levar a cabo os traballos subsidiarios. Deste xeito, entre ambos gobernos refórzase a prevención e loita contra os incendios forestais, blindando os núcleos de poboación co obxecto de protexer os bens non forestais.
Cabe sinalar que este concello está tamén subscrito ao convenio de prevención e defensa contra incendios que ten a Consellería. Este acordo procura apoiar aos concellos galegos na contratación de persoal e de medios para realizar traballos preventivos e de extinción e ten tres liñas: contratación de brigadas municipais, tratamentos preventivos e motobomba. No tocante ao municipio de Negreira, están contratadas as dúas primeiras liñas.