En breve levantarase a prohibición de plantar pataca en 7 concellos da Coruña


A Consellería do Medio Rural proporá proximamente o levantamento da prohibición de plantar pataca nun total de sete concellos da provincia da Coruña afectados pola couza guatemalteca, ao cumprirse o prazo de dous anos, establecido pola normativa, desde que se rexistrou nestes municipios algunha captura do insecto. Trátase dos concellos de Ares, Mugardos, Cabanas, Fene, Ferrol, A Capela e As Pontes de García Rodríguez.

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, presidiu este mércores a comisión de seguimento da couza guatemalteca da pataca na que se abordou este asunto. Acordouse trasladar esta proposta en breve na xuntanza prevista para principios de xaneiro próximo en Madrid con responsables do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e representantes do Principado de Asturias.

No encontro avaliáronse tamén as medidas adoptadas recentemente, tras detectar casos de tubérculos afectados en almacéns de autoconsumo en tres parroquias dos concellos da Laracha e Carballo, que xa foron destruídos.