Se tes 18 anos cumpridos e estás empadroado/a en Carballo podes acceder aos bonos que emitirá o Concello, por valor de 50 euros pagando 20 euros, para consumir en negocios de diferentes sectores radicados no concello.
Esta iniciativa da Concellaría de Promoción Económica pretende contribuír dunha maneira inmediata, eficaz e universal a paliar as consecuencias da crise económica derivada da COVID-19. Inmediata, porque a emisión de bonos realizarase nas vindeiras semanas. Eficaz, porque outorgará liquidez ás empresas para poder manter a actividade e o emprego, ademais de amortecer a redución drástica de ingresos. E universal, porque beneficiará a toda a cidadanía e aos diferentes sectores produtivos.
Como se poderá participar
As persoas físicas ou xurídicas co seu domicilio fiscal en Carballo e que visen afectada a súa actividade durante o estado de alarma poderán adherirse presentando a solicitude correspondente no prazo que se indique no seu momento. Pola súa banda, todos os carballeses e carballesas maiores de idade poderán acceder a bonos de 50€ pagando só 20€, xa que o Concello de Carballo subvencionará os 30 restantes. As persoas desempregadas e estudantes terán dereito a un bono gratuíto.