En estado grave un traballador tras caer nun barco no Grove

Porto do Grove.

Un mariñeiro foi evacuado de madrugada ao Hospital de Montecelo, en Pontevedra, para ser atendido das lesións provocadas por unha caída no interior dun barco.

Segundo explicaron os axentes da Garda Civil, o traballador presentaba un forte golpe na cabeza, que lle fixo perder a consciencia.

Así, o persoal do 112 Galicia, pediu a colaboración dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 para realizar o traslado o máis rápido posible ao centro hospitalario de referencia debido á situación na que se atopaba este operario dun barco de pesca, atracado no Porto do Grove.

Foi o propio persoal da embarcación quen contactou co 112 Galicia. No seu relato indicaron que estaban a piques de saír pescar cando o ferido sufriu unha caída no interior da embarcación. A partir de aí, activouse un operativo no que participaron, ademais dos profesionais sanitarios, os axentes da Garda Civil e os membros do servizo local de Protección Civil.